Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h

Apróbase a convocatoria de axudas para a promoción de actividades realizadas por clubs e asociacións deportivas amienses

O importe individual das achegas concedidas non poderá superar os 8.000 euros

    A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames acaba de aprobar as bases da convocatoria de axudas para a promoción de actividade levadas a cabo no exercicio 2013 por clubs e asociacións deportivas. A contía máxima destinada a esta convocatoria ascende a 50.000 euros. Os obxectivos destas axudas son achegar a práctica deportiva ao maior número posible de individuos e promover a participación activa dos veciños e veciñas no deporte, como medio de promover a formación dos máis novos e de propiciar a convivencia.
    O goberno municipal aprobou esta mañá unha nova convocatoria de axudas que está destinada a promover actividades desenvolvidas durante este ano polas asociacións e clubs deportivos do Concello de Ames. Poderán ser subvencionadas, ata un máximo do 70% do presuposto total, as actividades, de índole deportiva desenroladas polos clubs e asociacións deportivas, así como a adquisición de material inventariable. As actividades ou investimentos para as que se solicite a concesión da achega deberán ter sido efectuados dentro do exercicio 2013. O importe individual das achegas concedidas non poderá superar os 8.000 euros.

    A estas axudas poderán optar as asociacións e clubs existentes no Concello de Ames, legalmente constituídas, e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións. Ademais, os datos de inscrición no rexistro deben estar debidamente actualizados no momento de solicitar a achega. As asociacións solicitantes teñen que estar ao días nas súas obrigas tributarias, así como coa Seguridade Social. As entidades solicitantes tampouco poderán ter pendente de xustificación ningunha axuda anterior do Concello, a non ser que lles fora concedida unha prórroga.

    Prazo para presentar as solicitudes
    O prazo para presentar as solicitudes a esta convocatoria de axudas será dun mes desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP). En caso de rematar nun día inhábil, este prazo entenderase estendido ata o inmediato hábil seguinte. Os interesados e interesadas deberán presentar a documentación solicitada nas bases. As solicitudes deberán presentaranse no Rexistro xeral do Concello, de xeito presencial ou a través da sede electrónica.

     

    05 sep 2013 / 17:07
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito