Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 29 julio 2024
19:16
h

Gastronomía, teatro e vida san para os amienses na primavera

    Coa chegada da primavera, o Concello de Ames saca á palestra un completo catálogo de actividades culturais e deportivas, que van dende a música ata un encontro gastronómico, teatro ou excursións, completando as corenta actividades desta iniciativa municipal.

    Asemade, na programación cultural e deportiva Primavera 2013 inclúense outras iniciativas como a final comarcal do Clube de debate ou a celebración do Día Internacional do Medio Ambiente e do IV Encontro gastronómico Intercultural. No eido das letras, o sábado 20 de abril, celebrarase o Día do Libro coa iniciativa Literatura na praza. Para esta conmemoración elaborarase un programa específico. Nesta xornada, haberá exposición e venda de libros, obradoiros, actuacións musicais, etc. Este acto cultural desenvolverase na praza do Concello de Bertamiráns (17.00 horas).

    Por outra banda, o xoves 16 de maio conmemorarase o Día das Letras Galegas, que este ano está adicado ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño. A casa da cultura do Milladoiro acollerá, ás 20.00 horas, o acto de entrega dos premios da décima edición do Certame Literario Concello de Ames e do V Certame Artístico-Literario Intercentros. O acto contará coa actuación da Escola Municipal de Música de Ame, e o prazo para a presentación de textos a este certame remata o 20 de abril (no caso do Certame Intercentros, o 15 de abril).

    Ademais, a casa da cultura de Bertamiráns acollerá unha sesión de contacontos, didácticos, poéticos e musicados sobre a vida e a obra de Roberto Vidal Bolaño, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas (3 de maio, 20.30 horas) e Teatro Antroido, compañía que impulsou Bolaño, representará o 24 de maio Bailadelas (casa da cultura do Milladoiro, xa a partir das 21.30 horas).

    31 mar 2013 / 20:19
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito