Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h

O grupo municipal de teatro de Ames abrirá unha nova edición da Mostra de Teatro Afeccionado

A cita será ás 21:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns, onde interpretarán a comedia 'O Médico a Paus', de Moliére

    A Mostra de Teatro Afeccionado organizada pola Concellería de Cultura do Concello de Ames comezará este venres unha nova edición. Durante todo o mes de outubro, os veciños e veciñas amienses poderán gozar do traballo de catro grupos de teatro de Ames, Negreira, Muros e Narón. As representacións, con entrada de balde, serán os venres nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.

    Este festival xa se está convertendo nunha referencia para todos os grupos de teatro afeccionado da comarca e de parte de Galicia e, pouco a pouco, vai espertando o interese de todas as persoas que gozan vendo este tipo de espectáculos. 

    A primeira das actuacións correrá a cargo do Grupo Municipal de Teatro de Ames, que interpretará este venres ás 21:00 horas a comedia 'O Médico a Paus', de Molière. A cita será na Casa da Cultura de Bertamiráns. A obra, dirixida a todos os públicos e cunha duración de 65 minutos, pretende ser unha ollada perspicaz que pon o foco na ciencia dos médicos, ao tempo que esboza un retrato das mulleres a cabalo entre a discriminación e maltrato físico, moral e social.

    Esta comedia está dirixida por Mónica Caamaño e interpretada por Carmela Pardal, Emilia Mayo, Manel Pardo, Pablo de Pardo, Patricia Quintiá, Paz Romai, Pilara Gómez, Rosana González e Tati Duro.

    O venres, 12 de outubro, será a quenda da Escola Municipal de Teatro de Negreira. A partir das 20:00 horas, interpretarán na Casa da Cultura do Milladoiro a obra 'Vaia función', recomendada para persoas a partir dos 12 anos e cunha duración de 75 minutos. Baseada no texto 'Noises off' de Michael Fryan, a obra é un exercicio de metateatro, xa que conta as vicisitudes dunha compañía teatral que está a piques de estrear unha obra, amósanos como as complicacións que se lle van presentando ó grupo detrás das bambalinas pasan a afectar ao desenvolvemento da obra. 

    A mostra de teatro afeccionado organizado polo Concello de Ames continuará o venres 19 de outubro en Bertamiráns. O grupo Aquelando Teatro de Muros amosará ao público amiense a súa obra 'Allan', recomendada para persoas a partir dos 12 anos. A función terá lugar ás 21:00 horas. Esta comedia, que ten unha duración de 90 minutos, trata sobre a vida de Allan, un home que cando se separa descobre que non todo son vantaxes, porque tamén hai que soportar aos veciños, á familia, etc..

    Por último, o venres 26 de outubro chegará á Casa da Cultura do Milladoiro o grupo 'O aturuxo de Melpómene', de Narón. Nesta ocasión, os veciños e veciñas de Ames poderán gozar da obra 'Café', destinada a persoas maiores de 12 anos e cunha duración de 80 minutos. Esta comedia transcorre nun espazo temporal no que o café se considera unha droga perigosa. Esta substancia ben podería substituírse por calquera outra que resulte aditiva, xa que do que se trata, en definitiva, é o de mostrar o lado escuro das adiccións. A representación é unha metáfora en si mesma sobre os efectos das drogas nas persoas e o difícil que resulta saír dese universo paralelo no que se somerxen os individuos cando dependen delas.

    A través deste festival, a Concellaría de Cultura pretende promocionar, dar a coñecer e darlles aos grupos de teatro afeccionado un escenario onde poidan expresarse e representar as súas pezas teatrais. Ao mesmo tempo achégalles aos amienses espectáculos que están fóra dos circuítos comerciais pero que teñen un grande interese.

    03 oct 2012 / 12:51
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito