Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h

Preto de 30 actividades de maxia, música, teatro e deportivas forman a programación de Nadal de Ames

A programación deportiva deste Nadal está composta polo V partido benéfico de baloncesto, o I Maratón Fitness Solidario, a II Carreira ciclista do pavo e pola I Gala de Nadal do Club de patinaxe artística Omega

    O Concello de Ames oferta unha grande variedade de actividades dentro da programación cultural e deportiva Nadal 2013. Este programa alberga todo tipo de actividades e eventos: un festival de maxia, obradoiros, o acendido do alumeado de Nadal, representacións teatrais, concertos musicais, o partido benéfico de baloncesto, etc. Esta programación remata o día 5 de xaneiro de 2014 coa celebración da cabalgata dos Reis Magos, que percorrerá as localidades do Milladoiro e de Bertamiráns. A programación cultural e deportiva está dirixida tanto a maiores coma aos nenos/as, que terán diversas actividades para entreterse durante as vacacións de Nadal.

    O Concello de Ames acaba de presentar a programación do "Nadal 2013", que se desenvolverá durante o vindeiro mes. A programación de Nadal comeza este venres, 13 de decembro, co tradicional acto de acendido do alumeado de Nadal. As rúas máis comerciais de Bertamiráns e O Milladoiro, así como os accesos principais ás parroquias de Ames estarán iluminados entre o 13 de decembro e o 6 de xaneiro. O acto "Acendemos o Nadal" terá lugar na Casa do Concello. Dende as 17:00 horas desenvolverase o obradoiro ?Cantamos un conto? con Marcela Rubiano, que está dirixido ao público familiar e recomendado para nenos e nenas de 2 a 6 anos acompañados dun adulto. Ademais, actuará a orquestra de frautas da Escola Municipal de Música de Ames e haberá unha degustación gratuíta de chocolate con churros. Deste xeito, darase por iniciada a época de Nadal no concello de Ames.

    A programación cultural continuará este venres 13 de decembro, ás 21:00 horas, coa representación da obra de teatro "O home almofada", a cargo da compañía Ilmaquinario Teatro. "O home almofada" é unha peza de intriga, onde nada é o que semella, tenra e sarcástica a un tempo, e onde o humor negro semella ser o único xeito de enfrontarse coa dureza da vida. Neste espectáculo trátase o problema do maltrato infantil nun país totalitario sen nome. A obra será representada ás 21:00 horas. Previamente, ás 11:00 horas, haberá unha sesión escolar á que asistiran os alumnos/as de bacharelato dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro.

    As actividades desta fin de semana continúan o sábado e o domingo coa oitava edición do Festival de Maxia, que se desenvolverá nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro. Nesta edición serán cinco magos nacionais e internacionais os que creen ilusión nos amienses. As actividades do Festival de Maxia desenvolveranse nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nas carpas que estarán instaladas na praza da Maía, situada en Bertamiráns, e na praza de Manuel Murguía, situada no Milladoiro. Tamén haberá obradoiros de maxia para os nenos/as de 8 a 14 anos e sesións de maxia de preto nos bares In Vino Veritas, Don Budi e Coffee (situados en Bertamiráns) e nos bares Gallaecia, San Sport e Talladas (situados no Milladoiro).

    O sábado 14 de decembro tamén se desenvolverá un obradoiro na Aula da Natureza denominado "Nadal de Reciclaxe: confección dun belén". Nesta actividade os nenos e nenas de 6 a 14 anos elaborarán un belén con paus de xeados e decorarano con materiais naturais. Tamén farán coas súas mans a familia real empregando cordeis e telas de refugallo. Por último, elaborarán un pequeno belén para colgar na parede. O obradoiro impartirase en horario de 11:30 a 13:30 horas.

    Inauguración do Belén de San Xoanciño de Pousada

    Un ano máis a Asociación Cultural San Xoanciño de Ames montou o seu tradicional nacemento na capela de San Xoán de Pousada. O nacemento, que estará exposto dende o 14 de decembro ata o 11 de xaneiro, será presentado á veciñanza de Ames nun acto que se celebrará este sábado 14 de decembro, ás 16:30 horas, ao que está convidada toda a veciñanza amiense. Este nacemento está composto por figuras de gran antigüidade xa que teñen máis de 100 anos. O nacemento poderá visitarse os días 14, 15, 21, 22, 28, 29 de decembro e os días 4, 5 e 11 de xaneiro, en horario de 16:00 h a 18:00 horas.

    Programación musical

    Para o venres 20 de decembro organizouse un concerto de Nadal no que se darán cita varias corais do concello. Neste encontro actuarán a coral Antonio Santomil de Bugallido, a coral de Piñeiro, a coral de Ames, a coral Lojo Batalla de Tapia, a coral Nosa Señora do Corpiño de Oca e a coral JUPEMI. Este concerto terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 21:00 horas.

    A programación musical continúa o venres 27 de decembro, ás 18:00 horas, co espectáculo "Tic Tac, o reloxo vai soar", que se desenvolverá na Casa da Cultura do Milladoiro. O cantante e multiinstrumentista Pablo Díaz acompañado da banda do Tic Tac representan este espectáculo no que se interpretarán as cancións que forman parte de "Tic-tac", un libro-disco publicado por Kalandraka. As dezaseis cancións do libro, que é o primeiro traballo en solitario de Pablo, tratan temas moi próximos aos nenos como a natureza, o mar, os animais ou o fogar. A maioría delas son composicións propias do autor, outras son temas tradicionais aos que puxo música e outras dúas son adaptacións de contos de Kalandraka.

    Pero non só haberá programación musical para os nenos/as, os maiores tamén poderán participar nunha sesión de baile con chocolate, que se desenvolverá o venres 27, ás 18:00 horas, no pavillón de Bertamiráns. O baile estará amenizado por Miguel Torres e Luís Rey. Co obxectivo de facilitar a asistencia a este evento, o Concello de Ames porá en marcha un servizo de autobuses para achegarse ata o pavillón de Bertamiráns.

    Haberá máis música o luns 30 de decembro, ás 18:00 horas, co grupo Mamá Cabra que representará o espectáculo "Bicos de música" na Casa da Cultura de Bertamiráns. "Bicos de música" é o último traballo do grupo Mamá Cabra. O estilo habitual do grupo, con letras festivas e coreografías que acompañan os temas mantense neste proxecto musical.

    Obradoiro Imos cantar o Nadal

    Este ano a programación de Nadal inclúe un novidoso obradoiro denominado "Imos cantar o Nadal", que se desenvolverá o sábado 21 de decembro no Milladoiro e o sábado 4 de xaneiro en Bertamiráns. Nesta actividade os nenos e nenas poderán construír os seus propios instrumentos sonoros e participarán na recuperación de cantos de Nadal e Reis. Posteriormente, as persoas participantes realizarán unha saída para cantar polas rúas e algúns establecementos comerciais e hostaleiros, para rematar a actividade nunha merenda cos aguinaldos conseguidos. Esta actividade está destinada ao público familiar, e recomendado para renos e nenas a partir de 6 anos. Ofértanse 40 prazas para cada un dos obradoiro (40 para Bertamiráns e outras 40 para Milladoiro). O prazo de inscrición remata o 18 de decembro, para participar no obradoiro do Milladoiro, e o día 2 de xaneiro, para participar no obradoiro que se desenvolverá en Bertamiráns.

    Programación deportiva

    A programación deportiva deste Nadal está composta polo V partido benéfico de baloncesto, o I Maratón Fitness Solidario, a II Carreira ciclista do pavo e pola I Gala de Nadal do Club de patinaxe artística Omega. Un ano máis o Concello de Ames e o club Milladoiro XL organizan o V partido benéfico de baloncesto, que se desenvolverá no pavillón polideportivo de Bertamiráns o domingo 22 de decembro, ás 19:30 horas. O XL Milladoiro medirase contra un equipo de famosos de Galicia. A entrada será gratuíta, pero todas as persoas que o desexen poderán dar un donativo de forma voluntaria. Ademais, a Asociación Galega dos Ciclistas organizan por segundo ano consecutivo a Carreira ciclista do pavo. Esta cita deportiva terá lugar o sábado 28 de decembro, a partir das 16:00 horas, na zona do Pedregal, en Bertamiráns.

    Teatro infantil

    A programación de Nadal tamén recolle varias obras de teatro infantil. O luns 23 de decembro, ás 17:00 horas, volve o teatro infantil da man da compañía Kukas Producións Artísticas, que representará "Xan Perillán" na Casa da Cultura do Milladoiro. "Xan Perillán e a maleta máxica" é un espectáculo dirixido ao público familiar e aos nenos a partir de 3 anos, que mestura o clown e a pantomima coa maxia e a manipulación de monicreques. Uns días despois, o xoves 26, haberá máis teatro infantil, pero esta vez da man da compañía Elefante Elegante, que representará "Nuncabunga" na Casa da Cultura de Bertamiráns. "Nuncabunga" é un espectáculo cómico e poético sen palabras da compañía Elefante Elegante dedicado ao público familiar e infantil a partir dos tres anos.

    O 2014 tamén comezará con teatro para os máis pequenos. O xoves 2 de xaneiro, ás 17:00 horas, a compañía Baobab Teatro interpretará a peza teatral "O soldadiño de chumbo", na Casa da Cultura do Milladoiro. Este espectáculo está dirixido aos nenos e nenas que teñan a partir de 4 anos. O día seguinte, o venres 3, haberá máis teatro infantil co espectáculo "O Crebanoces". Trátase dunha actividade da Secretaria Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia que está dirixida ao público familiar. "O Crebanoces", que se desenvolverá na Casa da Cultura do Milladoiro, está inspirado no conto de Hoffman con música de Tchaikowsky.

    Cabalgata de Reis

    O domingo 5 de xaneiro chega unha cita ineludible do Nadal e que os máis cativos da casa agardan con ilusión todos os anos: as Cabalgatas de Reis. Os Reis Magos estarán no Milladoiro ás 17:00 para iniciar o seu percorrido polas rúas e facer a súa recepción ás 17:30 no pavillón do Milladoiro. O percorrido por Bertamiráns comezará ás 18:00 e rematará ás 18:30 coa recepción no pavillón de Bertamiráns. Media hora antes de cada recepción abriranse os pavillóns e haberá animación infantil, con música e xogos.

    10 dic 2013 / 18:13
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito